Friday 17 de May de 2024

Os socialistas esixirán no próximo pleno que se ratifique o convenio coa Deputación da Coruña para a rehabilitación da Casa da Xuventude


Insisten en que o 80% dos usos do inmoble que a Deputación pasaría a manter, facéndose cargo tamén da conservación do edifico, serían municipais: cun auditorio compartido, unha zona de coworking e todo un andar para servizos múltiples.

“É unha subvención de un millón de euros o que está en xogo, e non estamos dispostas a que perdela polas leas internas do bipartito” recalcou Mercedes Rosón.
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023. “Hai quen quere tirar a Casa da Xuventude e quen está esperando que caia”, con estas declaracións que fixo a propia Goretti Sanmartín, a concelleira socialista, Mercedes Rosón, criticou á alcaldesa que, logo de asegurar durante toda a campaña que “a ía a tirar para facer un galpón” agora “semella estar esperando de brazos cruzados mentres sigue deteriorándose”. Moi crítica coa indecisión do goberno bipartito sobre o futuro da Casa da Xuventude, Rosón anunciou que no próximo pleno levarán una proposición para que se ratifique o acordo coa Deputación da Coruña para a súa rehabilitación porque “entendemos que deixamos unha boa solución”.

O custo estimado da rehabilitación da Casa da Xuventude é de preto de un millón e medio de euros, para a que precisamente no pasado mandato, Sánchez Bugallo promovera este acordo coa institución provincial polo que pasaría a financiar o 74% da actuación e a facerse cargo, durante os 25 anos que dura a cesión do inmoble, do mantemento e conservación do edificio asumindo todos os gastos correntes e de mantemento nese tempo.

“Un acordo polo que se rehabilitará a casa da xuventude, conservando o 80% dos usos para usos municipais, cun auditorio ao servizo da cidadanía e todo un andar a disposición das veciñas e veciños da zona histórica” explicou Rosón. Concretamente o espazo contaría cun auditorio, un novo espazo de coworking especializado nas novas tecnoloxías e un segundo andar destinado a usos do Concello, para a prestación de servizos municipais á cidadanía.

“Tamén, e precisamente esta é a única maneira de obter a financiación, a Deputación contará cun espazo de oficinas na planta baixa, e o feito de manter certa actividade administrativa na zona histórica pode supor tamén un revulsivo para a zona” explicou Mercedes Rosón, que explicou ademais que con este proxecto, para o que se abriría un concurso de ideas, contempla a apertura de dous accesos cara o parque de Belvís: un a través da antiga fica das monxas, onde actualmente se atopa o cancelón; e outro desde a rúa de San Pedro, tal e como está recollido no Plan Especial actualmente vixente.

“É unha subvención de un millón de euros o que está en xogo, e non estamos dispostas a perdela polas leas internas do bipartito” censurou Rosón, que lle esixiu á alcaldesa máis diálogo e consenso coa oposición “tendo en conta que está en minoría e o grupo municipal socialista é imprescindible para chegar a calquera tipo de acordo.